A Festa do Salmón da Estrada é unha celebración con moita sona e tradición na contorna. Desde os anos 70, a vila estradense leva celebrando esta festa que pon en valor a tradición salmoneira deste municipio nunha dobre vertente: por unha parte, a tradición da pesca do salmón nos coutos locais do río Ulla, e por outra, a tradición gastronómica da preparación do “rei do río” nos restaurantes locais. Ademais das propostas de petiscos que se serviron no mercado, as cámaras do programa visitaron o restaurante Nixon, un dos establecementos senlleiros na preparación do salmón. Da man do seu xerente, Ricardo Pablo Pérez, o programa coñeceu a ampla variedade de pratos con salmón que ofrecen na súa carta ao longo do ano.