O Grove celebra un ano máis a popular Festa do Marisco. Este evento, que converte a vila mariñeira nun dos maiores escaparates das rías galegas, xa vai pola súa LIII edición, o que a converte nunha das pioneiras no turismo gastronómico. Co obxectivo de amosar os festexos e sobre todo a alta calidade dos saborosos produtos que se extraen do mar de Arousa, o equipo do programa pasa toda a xornada cos veciños e cos moitos visitantes que acoden para degustar unhas boas nécoras, camaróns, ameixas, percebes e mexillóns, entre outros moitos manxares. O equipo do programa acompaña os organizadores e cociñeiros da vila, que, durante dez días de festa, se preocupan de que todo funcione á perfección para que os visitantes poidan gozar dunha experiencia magnífica, tanto no tocante ao comer coma no ambiente que os rodea.  As cámaras da TVG aproveitan para descubrirnos as paisaxes máis espectaculares desta localidade da comarca do Salnés.