A XXIV edición da Festa da Xouba de Rianxo é unha das citas imprescindibles do calendario estival na península da Barbanza. Despois de tantas edicións, os rianxeiros están afeitos a recibir milleiros de turistas e a gozar da degustación das xoubas nas dúas variantes de cociña máis coñecidas: fritidas acompañadas con cachelos e pementos de Padrón, ou en empanada. Compartimos eses momentos de ledicia e xolda coa Asociación Rianxeira de Empresarios e cos habitantes da vila de Castelao. Pero antes de mergullarse na festa, coñeceremos de primeira man algúns aspectos do produto exaltado: a arte de pesca da xouba chamada “xeito” e a labor das rianxeiras, as mulleres encargadas de agardar no peirao a chegada do peixe.