Unha das festas gastronómicas máis esperadas no concello pontevedrés de Sanxenxo é a da Raia de Portonovo. O equipo do programa acompaña a todos os veciños e visitantes, que gozarán non só da gastronomía, senón tamén do bo tempo e dunha fermosa contorna. No peirao e lonxa de Portonovo sírvense moitas racións de raia que os asistentes degustan nas súas máis variadas preparacións como en caldeirada, frita con tirabeques, en empanada, con arroz meloso e chícharos ou ben en croquetas. Ademais, os reporteiros están con Efigenia Vidal, de 86 anos e unha das pioneiras na cociña do peixe.