A castaña, un dos productos estrela do outono, é protagonista de “Sopa de Festa”. O equipo de reporteiros visita Folgoso do Courel, unha das zonas con máis produción de castañas, para percorrer os fermosos soutos onde caen dos castiñeiros e falar cun produtor sobre o froito e sobre a campaña deste ano. Desde hai 29 anos celebran un magosto popular, no que veciños e visitantes degustan arredor de 700 quilos de castañas asadas acompañadas de viño novo. A esta xornada de celebración hai que sumarlle outros actos e actividades que se desenvolven arredor deste produto. O equipo de “Sopa de Festa” tamén visita o posto de Delicias do Souto, unha panadería da zona que elabora tortas e bolachas de castañas.