A inserción laboral é unha das cuestións pendentes para as persoas con diversidade funcional pero neste capítulo de “Sen Barreiras” coñecemos un grupo empresarial que ten como núcleo da súa filosofía a creación de emprego para este colectivo. Trátase da rede de lavandarías industriais canaria Ilunion Lavanderías, que ten un establecemento en Santiago de Compostela, onde teñen claro que o mellor xeito de traballar é creando un ambiente familiar. O programa achégase á asociación de familias de persoas con discapacidade intelectual Aspas, que propón un modelo educativo que foxe da excesiva protección e traballa pola autonomía. Ademais, coñecemos a Gelines, unha muller activa que durante anos traballou no seu quiosco; e a Iván Montero, un amante do ciclismo que ten claro que cada un debe loitar polo que lle gusta sempre cun sorriso.