Close

Sen barreiras

Sen Barreiras, que pretende dar visibilidade a colectivos con necesidades especiais e amosar as barreiras físicas e emocionais que dificultan a súa vida cotiá.

País: España
Idioma: Gallego
Contenido: Reportajes
Tema: Sociedad
URL: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/programa/sen-barreiras

Episodios disponibles para ver online

Víctor Tasende e COGAMI - 20/06/2017 12:00
Oos espectadores da TVG coñecerán a Víctor Tasende, o autor do libro “El segundo que cambió mi vida”, en que conta a súa incrible historia: pasar dunha tetraplexía a participar en Ironmans, unha das probas máis esixentes de tríatlon. Os reporteiros tamén visitarán a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, COGAMI, que impulsou un auténtico cambio en Galicia a prol dunha mellora da calidade de vida para as persoas con discapacidade e que seguirá velando polos dereitos e necesidades deste colectivo, e, polo tanto, de toda a sociedade.
'Mírame cuando te hablo', primeira webserie española en lingua de signos - 13/06/2017 13:45
'Mírame cuando te hablo', GES, Naranja Imaginario e Manuel Besteiro - 13/06/2017 11:45
“Sen Barreiras” visita na Estrada o set de rodaxe da primeira webserie en lingua de signos española. “Mírame cuando te hablo” desenvolve situacións cotiás entre compañeiros e compañeiras de piso, con romanticismo, malentendidos, enfados e tensión. Este proxecto innovador responde á demanda de contidos de entretemento por parte das persoas xordas.  Tamén entra nas instalacións de Galega de Economía Social (GES), unha sociedade á que pertencen 10 empresas que traballan a prol da integración das persoas con discapacidade. O programa convídanos a escoitar a Naranja Imaginario, un grupo de música electrónica experimental. Trátase dun proxecto artístico, transformador e pedagóxico realizado por persoas con discapacidade intelectual e centrado na música electrónica, as novas tecnoloxías e a participación. "Sen barreiras" preséntanos a Manuel Besteiro, un rapaz moi responsable que nos conta como comezou a traballar na ITV de Monforte.  
Cristian Sanjuan, Rubén Riós, Javier Díaz e Aspronaga - 06/06/2017 11:45
Coñecemos a Cristian Sanjuan, un mozo xordo, que estuda para carpinteiro no IES Calvo Sotelo da Coruña.  O programa fala con Rubén Rubén Riós, actor e produtor galego, que participou en numerosos programas da Televisión de Galicia, e que dirixiu o documental “Vida”, un proxecto audiovisual totalmente integrador que traslada, dunha maneira lúdica e enteiramente positiva e realista, as diferenzas sociais existentes invitando o público á reflexión. Sen barreiras visita ASPRONAGA, unha entidade benéfica que ofrece axuda a familias de persoas con discapacidade intelectual, e a TVG, onde se encontra co xornalista Javier Díaz, quen fala da súa rutina diaria traballando na televisión.   
Luis Suárez, Iago Santalla, Os Bambáns e ASPANAES - 30/05/2017 11:45
Sen Barreiras preséntanos a Luis Suárez, un xardineiro de Arzúa que nos fala da súa grande paixón, a pesca. Tamén nos leva a coñecer a Iago Santalla, coach, escritor e doutor en Humanidades, que nos fala da súa teoría do 'ilímite'. O programa visita 'Os Bambáns', un centro de terapia ocupacional pediátrica onde os xogos son unha parte fundamental; e ASPANAES, unha entidade sen ánimo de lucro focalizada en persoas e familias cun transtorno do espectro do autismo.
Sabina Casalderrey, Juan Saavedra, Fundación María José Jove e Dixardín - 23/05/2017 11:45
Coñecemos a Sandra Casalderrey, estudante de medicina, e a Juan Saavedra, deportista de elite gañador de diversos campionatos de tiro olímpico. O programa visita a Fundación María José Jove e Dixardín, en Arzúa: unha empresa  unha empresa que ofrece servizos integrais de xardinería e paisaxismo.    
Alberto Palmeiro, Anxo Queiruga, Casa Fandín e asociación DOA - 16/05/2017 11:45
'Sen barreiras' preséntanos a Alberto Palmeiro, un rapaz cambadés de 14 anos, todo un lince nas novas tecnoloxías, e a Anxo Queiruga, presidente de COGAMI. O programa visita a Asociación Doa, que foi creada en 1987 por un grupo de familiares de persoas con enfermidades mentais e que ofrece recursos e servizos encamiñados a facilitar unha vida o máis plena, autónoma e normalizada posible a estas persoas. E tamén nos leva á Casa Fandín, uns apartamentos adaptados situados en Ribadeo.  
Zoe Cantero, Daniel Fernández, ASPACE e Persoas Wip - 09/05/2017 11:45
“Sen Barreiras” achégase hoxe a unha tenda de Lugo en que se poden atopar produtos innovadores e adaptados ás necesidades de todas as persoas. Nun espazo amplo e accesible, Personas Wip vende todo tipo de artigos adaptados, terapéuticos e educativos que contribúen a facer máis doadas e cómodas tarefas e accións cotiás, dende roupa adaptada a nenos con necesidades especiais ata diferentes utensilios que permiten manexarse con máis autonomía persoas con mobilidade reducida. O programa recolle o testemuño de Daniel Fernández, unha persoa que é todo un exemplo a seguir pola súa gran capacidade de superación, pero tamén de perdón. Estes valores permitíronlle afrontar con enteireza un importante revés na vida. Ademais, o programa visita ASPACE e preséntanos a Zoe Cantero, unha amante do clarinete.
Gustavo Nieves, Nuria López, ASPAS emprego e 'Sen etiquetas' da UDC - 02/05/2017 11:45
Iker Sertucha, APEM e Integratex - 25/04/2017 11:45
O presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Iker Sertucha repasa a súa traxectoria vital; o representante da entidade subliña a importancia da súa aprendizaxe na mellora da calidade de vida das persoas que forman parte deste colectivo. A Asociación Pro Enfermos Mentais da Coruña presenta a innovadora actividade que está a realizar con Radio Nordés, unha iniciativa que permite que os usuarios da entidade se convertan en locutores e reporteiros, rompendo con moitos estereotipos. En Allariz está Integratex, unha rede de tendas de roupa e calzado onde non existe ningunha barreira física, nin prexuízo con respecto as persoas con diversidade funcional.
Alberto Seoane, FreshCut, Aixiña e Manuel Ríos - 18/04/2017 11:45
Nesta entrega, coñecemos a Alberto Seoane, un deportista profesional que pode presumir de estar entre os mellores do mundo en tenis de mesa. O programa visita en Vigo Frutas Nieves, unha empresa familiar que nos presenta FreshCut, o seu centro especial de emprego: unha compañía dedicada á investigación e desenvolvemento, elaboración e comercialización de produtos a partir de froitas, verduras e hortalizas frescas. En Ourense está Aixiña, unha asociación con servizos para múltiples discapacidades, que conta con máis de trescentos cincuenta socios. E por último, o programa dá eco a historia de superación de Manuel Ríos, dun piloto de rally, que ten claro que aínda que na vida pode haber dificultades, hai que afrontalas.
Mila López, Juan Serrano, Hornos Lamastelle e compañía de danza 5s - 11/04/2017 11:45
O programa preséntanos a Mila López, unha das poucas mulleres en España que practica 'handbike', un deporte co que xa conseguiu moitas vitorias. Visitamos Hornos Lamastelle, un centro especial de emprego de Oleiros, en que os traballadores e traballadoras elaboran diferentes produtos de panadería e repostería. 'Sen barreiras' tamén nos leva a coñecer a compañía de danza e teatro 5s, en que persoas, con e sen discapacidade, actúan xuntas en obras que xa pasaron polos mellores escenarios galegos. Por último, acompañamos a Juan David Serrano, un estudante amante do fútbol e seguidor do Lugo, que recibe unha sorpresa.  
Martín Blanco, Ana María, ACEESCA e Sarela - 04/04/2017 11:45
“Sen Barreiras” visita ACEESCA, unha asociación de utilidade pública sen ánimo de lucro, que contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual, das súas familias e da contorna. A Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela, outra entidade sen ánimo de lucro formada por persoas con dano cerebral adquirido, familiares e persoas socias colaboradoras. Ademais o programa preséntanos a Martín Blanco, un venezolano afincado na Coruña, e Ana María, que tras ver un vídeo moi especial sentiu o empurre definitivo para ser nai.
Milagros Cotelo, Martín Varela, +PORVIR Xestión Social e Special Olympics Galicia - 28/03/2017 11:45
O programa visita nesta entrega “+PORVIR Xestión Social”, unha empresa de carácter social que ofrece ás persoas en situación de dependencia da comarca da Costa da Morte uns servizos de atención especializada cos que contribuír na mellora da súa situación sociosanitaria. Ademais, Sen barreiras practica deporte coa organización Special Olympics Galicia, que organiza eventos deportivos con persoas con discapacidade intelectual. “Sen Barreiras” tamén conta coa presencia de Martín Varela, o xogador español de tenis en cadeira de rodas, e a pintora Milagros Cotelo.
Jacobo Garrido, Luz María Lorenzo, Estación de servizo San Mateo e O Laion - 21/03/2017 11:45
O programa “Sen Barreiras” visita o Laion, un barco incautado por narcotráfico e que agora é utilizado por persoas con discapacidade para navegar e realizar actividades no mar. E tamén a estación de servizo San Mateo de Narón, onde teñen claro que as competencias laborais non minguan por unha discapacidade. Ademais, o programa fala con Luz María Lorenzo, presidenta da Asociación de Crohn e Colite Ulcerosa de Vigo, un exemplo de vitalidade, amante dos animais e do boxeo. E con Jacobo Garrido, un rapaz da Coruña que, con 14 anos, ten participado no campionato de Europa de natación adaptada.
Gelines, lavanderías Ilunion, ASPAS e Iván Montero - 14/03/2017 11:45
A inserción laboral é unha das cuestións pendentes para as persoas con diversidade funcional pero neste capítulo de “Sen Barreiras” coñecemos un grupo empresarial que ten como núcleo da súa filosofía a creación de emprego para este colectivo. Trátase da rede de lavandarías industriais canaria Ilunion Lavanderías, que ten un establecemento en Santiago de Compostela, onde teñen claro que o mellor xeito de traballar é creando un ambiente familiar. O programa achégase á asociación de familias de persoas con discapacidade intelectual Aspas, que propón un modelo educativo que foxe da excesiva protección e traballa pola autonomía. Ademais, coñecemos a Gelines, unha muller activa que durante anos traballou no seu quiosco; e a Iván Montero, un amante do ciclismo que ten claro que cada un debe loitar polo que lle gusta sempre cun sorriso.  
Clara de Saá (RG), Prodeme, Down Galicia, Martín de la Puente - 07/03/2017 11:45
Clara de Saá, directora e presentadora do programa "Convivir en Igualdade" da RG - 07/03/2017 20:00
Pepita, Alex Vidal, Montegatto e Nos Why Not - 28/02/2017 11:45
Coñecemos a axuda que poden proporcionar os cans en tratamentos de diferentes doenzas. As terapias asistidas con animais son cada máis frecuentes polos beneficios psicolóxicos, psicomotores, sensoriais e educativos que proporcionan, e os cans son a especie máis empregada nestas prácticas.Ademais, o programa acode á axencia de fotógrafos Nos Why Not, en que persoas con discapacidade intelectual poden desenvolverse profesionalmente no mundo da fotografía. A cámara convértese así nunha ferramenta para derribar barreiras e propiciar a inclusión na sociedade deste colectivo.  
David, Antía, Trameve e ANPEHI - 21/02/2017 11:30
A Asociación ANPEHI amósanos como as barreiras non existen cando se colabora respectando as diferenzas de todos e cada un. 'Sen barreiras' acompaña os integrantes deste club de artes marciais adaptadas, que percorreron o camiño de Santiago dentro do 'Desafío Mario'. Coñecemos Trameve, onde se traballa pola integración laboral e social, demostrando que o rendemento non depende de ter ou non ter unha discapacidade, senón de saber poñer en valor as capacidades de todos os traballadores. O programa conversa con David, un xogador de tenis de mesa que chegou a participar nas paraolimpíadas do 92, e un apaixonado criador de canarios. Tamén conta a historia de Antía, unha moza afeccionada aos idiomas e o manga cunha particularidade, como ela o chama, o asperger, que non lle impide desenvolverse e mellorar día a día.
Pablo González, Grafinco, Asociación Alba e Celso Dourado - 14/02/2017 11:45
Pablo González é un estudante de arquitectura que se despraza en cadeira de rodas. Grafinco é unha empresa de servizos de impresión dixital, que funciona como centro especial de emprego para persoas con algunha discapacidade física. A Asociación Alba é unha entidade que loita por integrar e normalizar a situación das persoas afectadas por enfermidades mentais. E Celso Dourado é un artista que fixo da súa vivenda un espazo creativo: o seu estudo é unha sala de exposicións. Todo isto, malia que quedou sen mans de rapaz por un accidente que lle cambiou a vida.  
Fundación María José Jove, centro de emprego Coregal e asociación Acadar - 07/02/2017 11:45
A Televisión de Galicia, no seu compromiso coa inclusión social e laboral, estrea o programa “Sen Barreiras”, que pretende dar visibilidade a colectivos con necesidades especiais e amosar as barreiras físicas e emocionais que dificultan a súa vida cotiá. No primeiro episodio haberá tres entidades protagonistas. A Fundación María José Jove, coa que coñeceremos o deporte de vela adaptada;  o centro de emprego Coregal, cuns claros obxectivos ambientais e sociais que na actualidade conta con máis de 130 traballadores; e por último a asociación Acadar para mulleres con discapacidade, que reivindica o empoderamento e os dereitos delas independentemente das súas características ou do seu lugar de procedencia. 

Otros programas de reportajes >


Otros programas de TVG (Galicia) >