Pertencente á confraría de Aldán - O Hío e con 64 socios, a actividade extractora engloba o traballo na nasa do polbo ao boliche, o marisqueo a pé e a flote, a recolección en mergullo e unha salientable actividade bateeira.X.H Rivadulla Corcón, director e presentador de “Ribeiras de Salitre”, falará con Lola Domínguez, que vai á batea todos os días, e tamén con Luísa Iglesias, que leva 25 anos na venda ambulante de peixe. O programa tamén se achegará ata os areais mariños, onde o mergullador Álex Novas traballa como navalleiro e, no seu tempo libre, é un reputado músico. A maior experiencia vai vir da man de Xosé “O Roxo”, que cociñou toda a vida nos barcos de altura, fundamentalmente no Gran Sol.