De pequenas dimensións, pero grande espírito mariñeiro, o do Barqueiro é un dos portos galegos con máis encanto. A ameixa, a ostra e o polbo son as principais capturas que se obteñen no enclave, que conta cunha Confraría con 38 asociados. “Ribeiras de Salitre” está con eles e descobre como chegaron a este porto as ostras, un dos seus manxares, que se prepara de xeito moi especial. O programa sae con Cristina Trasancos, mariscadora, a recoller ostras. Con moita experiencia, é ela quen conta como chegaron ao Barqueiro, de xeito case casual, e como se converteron nun dos seus principais recursos económicos. Na vila, esméranse en promover este produto, que levan ao prato de diferentes maneiras. Isabel Rodríguez, tamén mariscadora, fainas en empanada e en paté á vinagreta.  “Ribeiras de Salitre” bótase ao mar con Sara e José Antonio Rodríguez, filla e pai. Tras un accidente, José Antonio pensou que non volvería traballar no mar, pero, tras recuperarse, a súa filla decidiu embarcar con el.