Convidan a Balbina e a Miro a unha comida da Asociación de Hosteleiros, pero Miro non ten ningún traxe presentable para poñer. Pedro préstalle un, e quédalle tan ben que Balbina decide darlle unha sorpresa facéndolle un traxe a medida, pero usando a Pedro como modelo; polo queambos os dous van ás agachadas á Casa de Turismo Rural a confeccionar o traxe coa señora Carme. Antón comeza a sospeitar que hai algo entre Balbina e mais Pedro e ségueos ata a casa da aldea. Alí saca unhas fotos de Pedro saíndo por unha ventá a medio vestir e móstrallas a Miro, quen queda convencido de que Balbina ten un enredo co avogado. Por outro lado Paula Barreiro segue a intentar lanzar a súa carreira artística e, aconsellada por Antón, fai un anuncio de cosméticos no que aparece espida e polo cal se orixina unha pequena revolta no barrio.