O palangre é unha arte que se traballa en moitos portos galegos, pero no de Muxía, que hoxe recibirá a visita do programa 'Pescadores de Historias', está na súa cultura como un dos seus sinais de identidade. Os mariñeiros de Muxía levan traballando o palangre desde que se botaron ao mar nas orixes da historia. Moitos comezaron case de nenos a traballar no mar e foron facéndose homes co palangre nas mans, como é o caso de Daniel Castro, hoxe patrón maior, que falará da importancia que tivo esta arte nas décadas dos 70 e 80 do século pasado, cando se explotou con grande éxito o caladoiro chamado O Canto.