O programa “Pescadores de Historias” visitará hoxe a vila mariñeira de Laxe, unha costa moi golpeada polas traxedias dos naufraxios, polo que as súas xentes fan cada ano a súa ofrenda á Virxe do Carme e ao mar para pedir a súa protección coa Festa do Naufraxio, que comezou a celebrarse en 1962 a partir dunha idea do mariñeiro Avelino Lema, que sobreviviu a tres naufraxios. Da organización da festa encárgase Raúl Villar, que tomou a remuda de Lema e explicará os cambios que introduciu no festexo. Pero quen garda na memoria a primeira festa que se celebrou en 1961 é o mariñeiro Fernando Busto, pertencente ao grupo que puxo en pé un evento que tivo moi boa acollida xa desde o primeiro ano e axiña se consolidou como unha importante atracción turística para a vila de Laxe.