“Pescadores de historias” recala no Pindo, en Carnota, onde se recolle boa parte da cría do mexillón que se engorda nos polígonos de bateas de Galicia. X.H. Rivadulla Corcón conversa cunha das primeiras mulleres en recoller a mexilla, María Vázquez, quen lembra como durante un tempo foi a única que se dedicou a esta actividade, soa nas rochas batidas polo mar. A venda da cría do mexillón supón agora un recurso moi importante para as xentes do mar do Pindo, como conta a secretaría da confraría de pescadores Merche Díaz, e outras mariscadoras que amosan como é a súa xornada de traballo. As cámaras seguen ata as rochas á Elena García, unha das máis veteranas, ou a Nando Caamaño. Os dous recollen ademais outros mariscos coma percebe, ameixa ou poliqueto. Coñecemos tamén a Carme Formoso, unha mariscadora xa retirada que bota moito de menos ir a mexilla, e que cura a nostalxia axudando as compañeiras a carrexar os sacos cos moluscos no seu tractor.