Manuel Manquiña, o presentador do programa de entrevistas da Televisión de Galicia “O gato con botas”, visita esta semana un persoeiro estelar co que precisamente vai falar de estrelas. José Ángel Docobo é astrofísico e astrónomo, matemático e director do Observatorio Ramón María Aller da Universidade de Santiago. Procedente de Zaragoza, hai tempo que Docobo veu a Galicia para quedar. Aquí foi onde empezou a desenvolver unha traxectoria profesional que o levou a dirixir a única cátedra de Astronomía de Galicia e un observatorio que dispón do segundo telescopio universitario máis importante de España. Pero non todo na vida de Angel Docobo é contemplar as estrelas, os planetas e as galaxias. Este experto tamén é un grande afeccionado aos deportes, que practica e divulga, xa que en tempo presidiu o equipo de baloncesto Obradoiro.   .