Cambados é a terra natal de Francisco Leiro. O artista recibe a Manuel Manquiña e o equipo do programa na súa casa, onde pasan un día enteiro falando de arte. Leiro naceu entre os cachos de madeira do seu avó ebanista e a panadería da súa avoa. Desde ben neno, as súas mans experimentaron con diferentes materiais e decidiu ser escultor con só 11 anos. Formouse na Escola de Artes e Oficios de Santiago e axiña acadou unha sona que contribuíu a situar a escultura figurativa no mapa mundial da arte contemporánea. Leiro explica como a súa obra está influenciada polos acontecementos sociais e políticos e que adoita atopar inspiración en moitas das miserias que azoutan hoxe a humanidade. Obras como o Sireno de Vigo non pasan desapercibidas dentro da inmensa obra do artista, que conta actualmente con obradoiro en Cambados, Madrid e Nova York. Participante habitual de ARCO, as súas obras enchen as prazas e museos de medio mundo.