“O gato con botas” viaxa ata A Coruña para coñecer un dos veteranos do Dépor, Fran González. Nacido en Ribeira, foi desde a xanela da súa habitación cando o pequeno Fran namorou do fútbol vendo xogar o Carreira no campo de terra da súa aldea de Frións. Non tardaría en converterse na estrela do equipo local, e pouco despois, a súa zurda chamaría a atención do Real Club Deportivo da Coruña. No Dépor, Fran fíxose lenda dándolle ao equipo os mellores 18 anos da súa historia. Fran, o Capitán, chamado tamén o Neno ou o 10, vive hoxe dedicado de cheo ao fútbol base como adestrador no Manchester City, mentres vixía de preto a carreira do seu fillo Nico, que xa despunta coa dereita no Fútbol Club Barcelona.