Estudou Maxisterio e desde os 19 anos exerce a profesión de mestra. Co correr do tempo, Fina centrou a súa vida profesional na educación e na literatura. O contacto cos rapaces, o amor pola ensinanza e pola transmisión de coñecementos levárona a traballar arreo. Aos seus esforzos réndelle homenaxe un centro educativo en Monte Porreiro que leva o seu nome. Aínda que non posuía unha nutrida biblioteca na casa, as historias que lle contaban de nena o seu pai e a súa tía Esmeralda conformaron un mundo de fantasía do que, co tempo, fixo o centro da súa vida e a súa verdadeira vocación. Con 40 anos publica o seu primeiro libro de literatura infantil, ao que lle seguiría unha extensa obra que recibiu numerosos premios, entre eles o Nacional de Literatura.