O equipo de “Mellor Xuntos” comeza cun paseo en bicicleta polo fondo da ría de Vigo, en Vilaboa. A cooperativa Bicicleando ofrécelles alí aos visitantes da contorna a posibilidade de gozar dunha actividade de ocio saudable e educativa.  Despois do paseo, visita a Ana da Cernada, que nos presenta as vacas máis mimadas de toda Galicia, as da Ulloa. Logo coñecemos a cooperativa Bico de Grao, constituída por tres socias de Lugo, que crearon un espazo de venda de produtos ecolóxicos a granel e de xestión de servizos comunitarios. A súa finalidade é crear e fomentar unha rede de consumo responsable na cidade. A viaxe remata en Guitiriz, onde se ubica ADSGestión, uns veterinarios que, coma todos os protagonistas do programa, descubriron hai anos as vantaxes de asociarse.