“Grandes Lugares” fai unha ruta polo sur de Galicia. A primeira parada é en Chaguazoso, na comarca das Frieiras, situada no sur de Ourense, raiando a fronteira con Portugal. A xente desta localidade caracterízase por ser moi traballadora e por querer preservar as súas tradicións, xogos e festas.
Seguindo a liña da raia entre España e Portugal, pero xa na provincia de Pontevedra, o equipo visita Guláns. Esta localidade, situada preto da vila de Ponteareas, destaca pola súa música. A súa banda municipal, a Unión de Guláns, é unha das máis antigas de Galicia. Para rematar o seu itinerario, “Grandes lugares” achégase ata a localidade de Millarouso, no Barco de Valdeorras, un lugar moi pequeno, pero moi grande en veciños.