A primeira parada será en San Pedro de Xallas de Castriz, unha parroquia do norte do concello de Santa Comba. Alí, os reporteiros coñecerán a Teresa e as súas creacións téxtiles, irán en bicicleta ata a Fervenza do río Mira e practicarán un deporte tamén popular na vila: o balonmán.  As cámaras do programa tamén se achegarán a Cabo de Cruz, un gran lugar da parroquia de Castro, no concello de Boiro, onde o mar é vida. O presente, o pasado e o futuro dos seus veciños están ligados á marea.  Por último, os reporteiros de “Grandes Lugares” estarán en San Xián de Romai, unha parroquia do concello pontevedrés de Portas, na comarca de Caldas. Os labores do campo ocupan boa parte do día a día e nesta época do ano toca apañar pemento. O equipo do programa probará a bola de ovos e a empanada de millo, os produtos estrela da panadaría de Manolo.