“Gastrópodos” visita este sábado un dos templos da gastronomía do país, o mercado de abastos de Santiago de Compostela. Desta volta, o autobús do programa sitúase na praza do Obradoiro. No interior do mercado, os dous equipos fan a compra cun presuposto limitado e tratando de escoller os mellores ingredientes para conseguir a vitoria. Ademais, coñecemos a Jorge Gago, Mellor Cociñeiro Novo de 2017 e que actualmente desenvolve o seu traballo no restaurante A Maceta. O xurado popular escollido especialmente para esta ocasión está formado por integrantes da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, fundada en 1921 e que é unha das asociación máis antigas de Galicia que se dedica a recuperación, conservación e transmisión da cultura tradicional galega.  Os dous pinches de cociña foron seleccionados no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra: Jaime Damián e Alberto Sanmartín, de primeiro curso do ciclo superior de cociña.