“Gastrópodos” chega a Padrón para falar do pemento. O autobús do programa sitúase no centro da localidade e a “pinche” de cociña e presentadora Marta Doviro lévanos de paseo pola vila de Rosalía para coñecer os segredos deste produto, que xa é unha icona da gastronomía galega. Marta fala coas pementeiras, vai ata os invernadoiros e descobre as últimas novidades culinarias, algunha delas ben orixinais, como a marmelada de pementos. Ademais, neste percorrido podemos admirar a beleza monumental do convento dos Franciscanos de Herbón do século XVII, a carón da vila padronesa, e orixe desta hortaliza en Europa, xa que os misioneiros franciscanos trouxeron as sementes de terras americanas. Finalmente, Marta Doviro consegue un rival na cociña para Beatriz Sotelo, que non é outro que José Rivera, “Chef Rivera”, un clásico dos fogóns padroneses que ten un dos restaurantes de máis sona de Galicia.