“Gastrópodos” chega á cidade de Ourense da man dos dous cociñeiros residentes do programa, Beatriz Sotelo e Antonio Botana. O autobús do programa vai estar no parque do Posío e dende alí o equipo trasládase ao mercado de abastos, un edificio que vai comezar proximamente unha reforma integral. O equipo fai parada nun dos lugares de máis sona da cidade, o bar Orellas, un clásico do tapeo ourensán. Os convidados para formar parte do xurado popular son integrantes do Club Vespa-Lambretta Clásica de Ourense. Nesta ocasión os dous axudantes de cociña son Vanessa Sabel e Brais Domínguez, escollidos nun cásting na escola de cociña CIFP Compostela.