Como a innovación e a tecnoloxía desenvolvidas en Galicia poden beneficiar os galegos no día a día? Cal é o proceso de fabricación dos produtos que nos facilitan as tarefas cotiás? Estas son só algunhas das cuestións ás que pretende responder cada semana o programa “Galicia 4.0”.Cada vez que alguén merca o tícket do coche de liña debe ter en conta que pode estar a subir no autobús da innovación. O equipo do programa montará hoxe nun deles con Lino, un afable chofer que o levará ata a comarca do Salnés para coñecer unha empresa que produce estes automóbiles coas últimas tecnoloxías. Os reporteiros tamén madrugarán cunha simpática peixeira á que acompañarán na súa xornada. Con ela, amosaranlles aos espectadores un invento galego capaz de detectar e eliminar o anisakis, un parasito presente frecuentemente no peixe que consumimos.