Chega a final do concurso que busca o/a mellor polbeira/o do mes. A disputa está entre Montse Fernández, Alberto Camba e Iván López. O gañador ou gañadora consegue unha fin de semana de balde para dúas persoas nunha casa de turismo rural. E falando de polbo, o dúo de humor “Pinchados” ofrece un sketch baseado na venda do cefalópodo e o xornalista lucense Xulio Xiz fala tamén da sona do polbo do San Froilán. Oasesor de produtos da nosa terra, Waldo Carreiras, fala do pan de Cea e do queixo da Denominación de Orixe O Cebreiro. Todo isto regado con viño da Indicación Xeográfica Protexida Betanzos, un dos viños cultivados máis ao norte de Galicia. A especialista culinaria convidada é Mónica Varela, quen prepara un prato de cocochas de bacallau con ameixas en salsa verde. A música corre por conta do grupo tradicional Brath e o seu novo disco “Enxebre” e a orquestra pontevedresa La Oca Band, que trae ritmos de bossa nova e rancheiras.