O primeiro protagonista desta nova entrega será Santi, un labrego de Cartelle, cheo de ilusión pola horta e polos animais, empeñado en botar raíces na aldea en que viviron os seus antepasados. Ademais, as cámaras do programa seguirán a Marcos Ladra, un artesán da madeira do concello de Vilalba,  nas súas tarefas cotiás. Por último, Saúl explicará aos espectadores as singularidades do porco celta, unha raza autóctona que estivo a piques de desaparecer pero que foi recuperada por criadores coma el, e que hoxe goza dunha gran valoración no ámbito gastronómico.