Close

Cos pés na terra

Neste programa poderemos seguir historias humanas apaixonantes de esforzo e tesón, con humor e simpatía, que nos achegan a súa opción inequívoca de quedarse na terra como medio de desenvolver o seu traballo. Tres protagonistas, tres historias, tres vidas distintas, entrelázanse en cada programa, en función do contraste que presenten; así estará o que vive só e o que ten familia numerosa; o que recupera labores e produtos tradicionais xunto ao que innova ou opta polo exótico; o prudente e o botado para d...

País: España
Idioma: Gallego
Contenido: Reportajes
Tema: Sociedad
URL: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/programa/cos-pes-na-terra

Episodios disponibles para ver online

Pamela Pardiñas, Jesús Boán e Candy e Jesús - 03/07/2018 23:15
A quen lle guste ter a pel ben coidada vénlle ao pelo, porque o programa “Cos Pés Na Terra” sae en busca das mellores herbas aromáticas da man de Pamela, especialista na preparación de cosméticos ecolóxicos.Grazas a Jesús, coñecemos algo máis do mundo da cinexética. Despois de darlle moito á cabeza, conseguiu facer da súa afección un modo de vida. E, por último, temos que agarrar ben as rendas, porque con Candy e Jesús falar de “paseos” é quedar moi curto. Con eles o programa descobre que a hípica pode ser moito máis ca unha escola de xinetes e amazonas. 
Alba, Diana e Alberto - 26/06/2018 23:00
O programa visita Valdín, a aldea que Alba leva con orgullo no seu corazón e que a sente día a día ter conta de todos os animais da súa casa. Grazas a Diana, unha rapaza que atopou en Nigrán e na Internet o camiño que debía seguir, vemos que nas hortas galegas hai sitio para todo, incluídos cultivos novos.Para pasar un anaquiño nun castelo, “Cos Pés na Terra” ten o mellor guía posible: Alberto, un dos últimos zoqueiros que quedan por terras galegas. 
Xan, Isabel, Dani e Vero - 19/06/2018 23:00
Coñecemos o asesor gandeiro Xan, que trae a maleta chea de ideas e trebellos novos para a gandería. O equipo de “Cos Pés na Terra” tamén acompaña a Dani e a Vero polos montes do Courel na procura de tesouros pequenos para as súas marmeladas.E preséntanos a Isabel, que nos descobre ferramentas ben curiosas para o cultivo da horta, ademais dun invernadoiro onde hai moito máis ca pementos e tomates. 
Marta, Xosé, Isabel e Antón - 12/06/2018 23:00
O programa tira hoxe do fío do enxeño de Marta, que foi quen de facer da la de ovella o abrigo do seu día a día. Con ela, refrescamos os saberes dun labor milenario. Ademais, “Cos Pés na Terra” percorre o camiño da horta ao prato na compaña de Xosé, un rapaz suxeito ás tradicións á hora de ter ben mantidos todos os que se achegan ao seu fogar/restaurante.Finalmente, ao equipo do programa tócalles emporcarse cos porcos celtas de Isabel e Antón, uns animais que os axudaron a cambiar de vida a estes rapaces, por máis que houbese cousas que xa traían de serie. 
Marina, Carla e Pepe, Luz e Malú - 05/06/2018 23:00
“Cos Pés Na Terra” sae de ruta pola beira do río despois de hidratar a pel cos produtos de cosmética natural que Carla e Pepe elaboran na súa querida Ribadavia. O programa emprende un longo camiño para ir na procura dun tesouro amarelo agochado nos prados máis remotos cunhas guías de luxo, Luz e Malú, que saben todo sobre esta flor e moitas outras. Tamén acompaña a Marina polos prados da súa grande explotación. 
Cynthia, Jorge e Tonecho - 29/05/2018 23:00
Coñecemos a Cynthia, que, malia a súa xuventude, foi quen de desenvolver todo un sistema de seu á hora de cultivar, unha rapaza que non quere que se perda todo o que ela aprendeu. “Cos Pés na Terra” visita tamén Santo André de Teixido para coñecer a Jorge e a súa familia, gardiáns dunha tradición centenaria feita a base de miga de pan e quen lle debe case que todo ao veciño máis ilustre da aldea.  E, por último, o programa celebra o seu particular San Fermín coas vacas do gandeiro Tonecho, un rapaz que ten conta de vacas limiás de pura raza autóctona galega. 
May, Manú e Lily, Carmen e Ricardo - 22/05/2018 23:00
O programa convídanos a un día de praia, cun baño de sol e algas na compaña de Carmen, unha muller que é capaz de converter as “verduras” de auga salgada nos peixes e nas vieiras máis crocantes. “Cos Pés na Terra” tamén visita a aldea de Tanquián, na Ribeira Sacra, onde unha morea de mozos de todo o mundo traballan man a man cos seus anfitrións, May, Manú e Lily, en tarefas do máis doce.E, para rematar a xornada, o equipo do programa acode á granxa de Ricardo para darlles mecos a unhas vaquiñas moi voraces que medran ao aire libre, ao mesmo tempo que indaga na historia desta queixería. 
Yago, Miguel, César e Ambrosio - 15/05/2018 23:00
Yago intenta atraernos ata o lado luminoso dos cultivos, aprendernos a ver a través deles e, xa de paso, a comelos do mellor xeito posible. Ademais, na compaña de César e Ambrosio, aprendemos o ben que se está facendo xogar os demais.Para facer o cabra un pouco non hai máis que pisar a mesma terra que pisa Miguel xunto coa súa manda de animais, unha historia que non está libre de peripecias nin de sorpresas en forma de cabritiño.
Alberto, María e Sandra - 08/05/2018 23:00
“Cos Pés na Terra” viaxa ata Ponte Sampaio para que Alberto nos revele os segredos de converter madeira en música e, seguindo en clave de Sol, acompaña unha boa tropa de festeiros trouleando ata o solpor. Ademais, o programa comparte unha xornada con María, unha moza disposta a transformar a súa horta nun xardín botánico con tal de que non falte nada no prato. Por último, temos unha cita con Sandra que, ademais de deseñar os galiñeiros máis innovadores, coida os seus pitiños da raza Mos con auténtico amor de nai.
Ariadna, Darío e Xosé - 01/05/2018 23:00
“Cos Pés na Terra” conta coa sabedoría dunha veterinaria e gandeira, dun cervexeiro e dun experto en carballos.Coñecemos a Ariadna, unha rapaza co corazón dividido entre o seu oficio de veterinaria e a súa paixón como gandeira. Ademais, Darío fai cervexa para todos sen deixar de atender os seus bois. E, por último, grazas a Xosé descubrimos canto proveito se lle pode sacar a un carballo.
Xoán, Mariló, Andrea e Suso - 24/04/2018 23:00
A TVG comeza unha nova temporada de “Cos Pés na Terra”, un programa que amosa como homes e mulleres sobradamente preparados que, podendo elixir, optan por vivir da terra e da vida que nela agroma. Coñecen o mundo urbano, poderían escoller outros oficios, outras carreiras, pero decidíronse por un xeito de vivir a un ritmo e cun estilo distintos dos da cidade. Xoán vive rodeado de ovellas. A súa ilusión é tan contaxiosa que nunca lle falta quen lle bote unha man con elas. Andrea e Suso buscan alternativas novas de diversión, fabricando desde o campo os xogos cos que se entretiñan os nosos antepasdos. A última protagonista é Mariló, que ten verduras de sobra para todos.  
Cultivando na cidade, cabreiros e música no rural - 09/05/2017 23:45
Alberto e Sergio, Belén e Iñaki e Ana e Adrián - 02/05/2017 22:30
Esta semana, o equipo de “Cos pés na terra” desprázase ata Ortigueira, lugar onde Alberto e Sergio dispoñen dunha parcela na que cultivan un vexetal difícil de ver nos invernadoiros, as algas. Ademais, o programa tamén coñecerá a Belén e Iñaki, que elaboran licores ecolóxicos con herbas e pequenos froitos do bosque.
Lois, Eva e Nelson, e Fer e Carmen - 25/04/2017 22:30
Os reporteiros de “Cos pés na terra” chegarán hoxe a Vilar de Santos, na Baixa Limia, para seguir a pista aos ingredientes dunha hamburguesa feita con produtos de proximidade. A primeira parada para cociñala ten que ver co proxecto de Carabuñas, un pequeno obradoiro artesanal no Sanguñedo onde elaboran conservas e licores en base ao froito do sabugueiro, e fan unha marmelada que lle dará un toque moi especial. Na propia vila, Fer e Carmen, da panadería Faragullas, elaboran os boliños que acompañan o ingrediente fundamental, a carne. Na súa procura chegarán onda Lois, un veciño do concello de Allariz, quen cría uns bois de cebo dos que se obtén unha carne de gran calidade que fai desta hamburguesa un bocado exquisito.
Rafa, Nuria e Martín - 18/04/2017 22:30
Rafa é o dono dunha explotación agropecuaria en que preserva unha raza autóctona, as pitas de Mos, aves que coñece ben desde que era un cativo. Pola súa banda, Nuria falaralle aos reporteiros do programa das marmeladas de rosa, que ela mesma preparará para os seguidores do espazo. Nunha última reportaxe, “Cos pés na terra” sairá ao campo con Martín, un perfumista co que percorrerá a contorna do Grove na procura de olores para crear novas esencias.
Manuel, Diego e David, e as alumnas da Aula CeMIT de San Sadurniño - 11/04/2017 22:30
Manuel, un gandeiro que divide os seus esforzos entre vacas de raza mixta de leite e vacas de raza cachena, que coida coa axuda do seu empregado Daniel. A continuación, Diego e David explicarán o concepto de bosque comestible, un espazo natural ordenado e deseñado para producir alimentos e outros recursos como madeira ou plantas medicinais da mesma forma que un horto, pero mantendo as calidades dun ecosistema natural. Por último, o programa visita San Sadurniño, onde as alumnas da Aula CeMIT puxeron en marcha a canle de YouTube “Teño unha horta en San Sadurniño”.
"Teño unha horta en San Sadurniño" das alumnas da Aula CeMIT - 11/04/2017 22:30
As alumnas da Aula CeMIT puxeron en marcha a canle de YouTube “Teño unha horta en San Sadurniño”, en que comparten videotitoriais en que amosan os mellores trucos para traballar a horta, demostrando que a idade non é obstáculo para incorporarse ao mundo dixital.
Daniel, Cristian e Juan - 04/04/2017 22:30
Os reporteiros do espazo conversarán en Maceda con Daniel, que controla a súa granxa de porcos dende a tableta cun innovador sistema que el mesmo creou. O contacto coa natureza é o acicate creativo de Cristian, un rapaz de Ortigueira que leva as súas vivencias na aldea de Bidueiros ao papel, deseñando cómics. A última parada será en Valderrei, na horta ecolóxica de Juan.
Javier, Roberto e Lucas - 28/03/2017 22:30
O percorrido desta noite comeza en Arnoia con Javier, enólogo e viticultor, que se puxo á fronte da adega familiar, onde elabora viños aproveitando as mellores variedades de uva nobres e autóctonas do Ribeiro. En Oza dos Ríos, os espectadores coñecerán a Roberto, un criador de galiñas que tenta diferenciarse do resto dos productores poñendo en marcha unha leira orgánica. Un sistema de producción e consumo sustentable é tamén unha prioridade para Lucas, que vende produtos de quilómetro cero na súa tenda de Lalín.
Anabel, Ramón e Avelino - 21/03/2017 22:30
Programa onde se amosa a vida cotiá das xentes que viven por e para o campo. O día a día das persoas que viven no rural e aman o seu modo de vida. Cos pés na terra” propón aos espectadores unha nova viaxe por Galicia para coñecer persoas que apostaron polo rural para desenvolver os seus proxectos vitais e profesionais. Esta noite, o programa amosa as condicións en que se traballa no cultivo en ecolóxico, da man de Anabel, unha labrega de Vilalba que recolle auténticos tesouros na súa horta. Tamén na provincia de Lugo, os espectadores coñecerán a Ramón, un gandeiro de Monforte que apostou por unha actividade diferenciada criando avestruces. O terceiro protagonista do programa será Avelino, un rapaz de Lalín que ten moi claro que o seu futuro está na gandería  
Javier, Roberto e Lucas - 14/03/2017 22:30
O percorrido desta noite comeza con Javier, enólogo e viticultor de Arnoia, que se puxo á fronte da adega familiar, onde elabora viños aproveitando as mellores variedades de uva nobres e autóctonas do Ribeiro. En Oza dos Ríos, os espectadores coñecerán a Roberto, un criador de galiñas que tenta diferenciarse do resto dos productores poñendo en marcha unha finca orgánica. Un sistema de producción e consumo sostible é tamén unha prioridade para Lucas, que vende produtos de quilómetro cero na súa tenda de Lalín.
Santi, Marcos e Saúl - 07/03/2017 22:30
O primeiro protagonista desta nova entrega será Santi, un labrego de Cartelle, cheo de ilusión pola horta e polos animais, empeñado en botar raíces na aldea en que viviron os seus antepasados. Ademais, as cámaras do programa seguirán a Marcos Ladra, un artesán da madeira do concello de Vilalba,  nas súas tarefas cotiás. Por último, Saúl explicará aos espectadores as singularidades do porco celta, unha raza autóctona que estivo a piques de desaparecer pero que foi recuperada por criadores coma el, e que hoxe goza dunha gran valoración no ámbito gastronómico.
Xosé, Bárbara e Comuneros de Carballo - 21/02/2017 22:30
Un dos protagonistas do programa é Xosé, un gandeiro que innova para facer máis doado un traballo que fai a diario na súa gandería: muxir as vacas. A súa historia entrelazase coa de Bárbara, unha labrega que optou pola produción ecolóxica na súa horta e que atopou nos maiores da súa contorna os mellores conselleiros para sacar adiante as colleitas. Ademais, as cámaras do programa acompañan nas súas tarefas cotiás a un veciño de Carballo, que compartirá cos espectadores unha vida de comuneiro chea de aventuras. 
Quique e Clara, e Iván Gulín - 14/02/2017 22:30
A Televisión de Galicia ofrece hoxe unha entrega particular de “Cos pés na terra”, xa que o espazo dedicado á vida no rural se despraza desta vez á cidade de Vigo.  E é que o motivo desta visita tamén ten algo que ver co campo, concretamente cunha iniciativa que desenvolven Quique e Clara na mesma urbe e que permite facer cultivos no centro da cidade grazas ao alugueiro de parcelas. Ademais, o equipo do programa tamén coñecerá en Cotobade a Iván Gulín, un cantante e instrumentista que busca harmonizar o presente e o pasado no monte poñéndolle banda sonora ás fragas do lugar. 
Alberto e Sergio, Belén e Iñaki, e Ana e Adrián - 07/02/2017 22:30
O equipo desprázase ata Ortigueira, lugar onde Alberto e Sergio dispoñen dunha parcela en que cultivan un vexetal difícil de ver nos invernadoiros, as algas. Ademais, o programa tamén coñecerá a Belén e Iñaki, que elaboran licores ecolóxicos con herbas e pequenos froitos do bosque. Finalmente, para pechar o espazo dedicado ao rural, o equipo de reporteiros do mesmo estará na gandería de Ana e Adrián. Estas instalacións serán o sitio perfecto para demostrar que o amor polos animais pode converter o traballo sacrificado nunha granxa nunha cousa de nenos. 

Otros programas de reportajes >


Otros programas de TVG (Galicia) >