David Amor explora unha nova faceta artística, a de titiriteiro, da man dos actores Miguel Borines e Andrés Giráldez. Coñecidos  polos espectadores da Televisión de Galicia polos seus personaxes de Moncho e Peixe en “Serramoura”, os convidados son tamén membros da compañía Tanxarina Títeres, a formación de teatro de monicreques máis veterana de Galicia, con máis de tres décadas de traxectoria, así que ninguén mellor ca eles para iniciar ao showman na manipulación das marionetas. Un dos colaboradores habituais do programa, Maximino Deitado, aproveita a ocasión para presentar a súa réplica de monicreque. Ademais, pasan polo estudio outros personaxes xa coñecidos pola audiencia como Miss Tamallancos 72 quen, desta volta, busca a complicidade do público para facer o seu papel de coach sentimental, ou a heroína histórica María Pita, que propon un divertido xogo ás persoas que seguen en directo o programa.