Documental divulgativo sobre a arte e a historia da catedral de Santiago, en que a TVG colaborou na súa realización xunto ás produtoras Volcán e Víbora. A cinta amosa un percorrido ao longo da historia do templo, meta do Camiño de Santiago, e un achegamento aos personaxes históricos que contribuíron a levantar o seu conxunto monumental. A descuberta do sepulcro do apóstolo Santiago, no primeiro terzo do século IX, significou o comezo dunha fabulosa epopea realizada por milleiros de persoas. "O Templo das Estrelas" propón unha apaixonante viaxe a través da historia desta marabillosa creación arquitectónica e artística, coas sorprendentes vicisitudes e anécdotas daqueles que a fixeron posible. O documental ofrece imaxes aéreas tomadas por unha cámara instalada nun autocopter, dirixido por control das cubertas e torres da Catedral, e o voo do botafumeiro, ao que tamén se lle fixou unha cámara.