Nunha nova entrega de “Casamos”, os espectadores coñecerán a historia de amor de Lili e Zalo, que cumpre todos os requisitos para ser un auténtico conto de fadas. Esta parella coñeceuse de adolescentes pero un accidente de coche, que sufriu Zalo, separou os seus camiños.  Cada un fixo a súa vida pero Zalo, como bo príncipe namorado, loitou por reencontrarse ca súa princesa e xuntos formar unha familia. Os primeiros meses viñeron cargados de alegría e felicidade, pero os malos momentos pronto chegaron a súas vidas, xa que Lili tiña problemas co seu embarazo. Con todo, conseguiron superar todos os seus problemas e formar unha feliz familia coa chegada do pequeno Alan. Para celebrar esta historia de amor, o programa “Casamos” organizará unha festa dobre, co bautizo do seu neno e unha voda sorpresa da que a familia non sabe nada.