Coral marchou a Barcelona en busca dunha nova vida e, nada máis chegar, coñeceu a Jonathan. Decontado notou esa conexión que lle dicía que el ía ser algo máis que un amigo. A paixón polos bailes latinos desta galega e este ecuatoriano fixeron que saltase a chispa entre eles e despois da súa primeira bachata xuntos nada os puido separar. Tras unha infancia moi dura e tendo que facer de nai cos seus irmáns, Coral por fin atopou a felicidade da man de Jonathan, un mozo que di ser de pedra, pero que tamén ten o seu corazonciño. Despois de tres anos xuntos, e de ter que ser Coral quen lle pedise casar, esta parella dará o gran paso na nosa terra. “Casamos!” asiste a unha voda pequena, íntima e moi romántica en que Coral e Jonathan se dan o “si, quero” sen esquecer aquelas persoas que non poden estar con eles ese día. O perfecto final feliz para dúas persoas que xa atoparon a súa media laranxa.