Ambos os dous viñan dun primeiro matrimonio de máis de 30 anos mal parado, tiñan dous fillos xa criados e ningún dos dous agardaba namorarse unha segunda vez desta maneira tan intensa, pero o amor xurdiu na pista de baile. Miro acababa de separarse e de chegar das Canarias para volver, con case 60 anos, á casa da súa nai en Moaña. Pola súa parte, Conchi estaba recuperándose da súa separación e comezaba a saír coas súas amigas e irmás. Tras máis de dez anos de relación impecable, sen crises, discusións nin enfados, os dous afirman que son máis felices ca nunca.