Ás portas dos días grandes do Entroido, o programa achégase a un dos tres vértices do “triángulo máxico” ourensán, que conta cun dos entroidos máis destacados do país, declarado Festa de Interese Turístico Nacional. Xinzo de Limia ten tamén o ciclo máis longo de toda España, con nada menos que cinco fins de semana de celebracións. O equipo de “Aquí Galicia” asiste a uns prolegómenos importantes, os do Domingo Corredoiro, que é o primeiro día que saen á rúa as "pantallas", personaxe central do Entroido de Xinzo. E tamén aproveita para coñecer mellor a comarca da Limia A animación musical vén da man da orquestra Pentágono, da Banda de Gaitas de Xinzo, do grupo de baile tradicional Rebulir, da Agrupación Musical da Limia, do grupo de gaitas Foliada, da academia de baile Danzón, de Fusión Fitness, que interpretan unha coreografía inspirada nos anos 80, e da cantante Esmeralda, natural de Rairiz de Veiga e gañadora do concurso “Recantos” de “Luar” na súa edición de 2016.