Esta é a terceira ocasión en que o espazo da Televisión de Galicia cruza a raia cara o país veciño. Xa o fixera antes para visitar Santos, en Chaves, e Valença do Miño. Para coñecer mellor a vila portuguesa, “Aquí Galicia” irá de turismo pola zona, percorrerá a ecopista que vai polas beiras do río Miño, a galega e a lusa, atravesando a ponte internacional. Ademais, os espectadores poderán coñecer algunhas parellas formadas por galegos ou galegas e portugueses e portuguesas, que fan a súa vida a ambos lados do río. Grazas aos avións do Aeroclube de Cerval, o programa da Televisión de Galicia tamén percorrerá o Miño polo aire, así como as terras do Baixo Miño, que unen Galicia e Portugal.  O espazo lúdico visitará igualmente o Aquamuseum, o acuario de Vila Nova de Cerveira, e coñecerá a Festa do Ganchillo. No apartado gastronómico, non faltará un dos pratos máis típicos de Portugal, o bacallau, que se presentará de diversas formas, e tamén haberá veado, moi típico da zona.