O “Aquí Galicia Tour” desprázase ata a vila de Camariñas, en plena Costa da Morte, para vivir as festas do Carme. En concreto, o equipo do programa está en plena praia Área da Vila, onde en directo se asiste á gran sardiñada que realizan os veciños da localidade. Ademais, podemos presenciar un desfile de roupa apropiada para estas datas de verán e que, como non, incorpora encaixe no seu tecido. María Campaña é a deseñadora. A nota musical póñena as pandeireteiras do Cansorriño e a charanga BB+. Amais, o reporteiro Duarte Galbán está a pé de praia falando con canta bañista e veraneante haxa por alí; a reporteira Tania Veiras desprázase ata Ribeira, xa que comeza a Festa da Dorna, e o reporteiro Pepe Capelán marcha de expedición para amosar a fervenza do Ézaro, un dos lugares que non poden faltar neste verán galego.