O programa emítese en directo desde Teixeiro, no concello de Curtis, coas actuacións da Banda Escola de Música de Oza-Cesuras, o grupo tradicional A Maristela de Sobrado dos Monxes, a orquestra La Favorita e o ex-recanteiro Marcos Roca. Tamén hai baile coa escola Salsanova de Betanzos e un desfile de moda, presentado pola cantante Lucía Pérez, pola loita contra o cancro infantil.  Guiados polo equipo do programa, visitamos unha explotación gandeira, unha planta de elaboración de queixo, o Centro Etnográfico de Teixeiro e o polígono do municipio, con salientables industrias vinculadas co medio natural. Curtis caracterízase por ser un concello saudable, con campañas para mellorar os hábitos da poboación, e polo seu amor ao deporte, e deste municipio saíu o xogador do Real Madrid Lucas Vázquez. No apartado gastronómico Aquí Galicia proponos dous dos produtos con máis sona da comarca, o queixo e a nabiza, ademais dos cogomelos.