O “Aquí Galicia” porá o foco nos balnearios da zona, xa que O Carballiño é un dos centros termais de referencia en Galicia. Así, o programa estará no Gran Balneario do Carballiño e no Balneario Caldas de Partovia. Outro dos sinais de identidade do Carballiño e, sen dúbida, o seu polbo, cuxa festa xa é referencia internacional. No día de hoxe, o programa estará na parroquia de Arcos, onde permanece viva esta tradición.  Durante o espazo coñecerase a súa contorna, coas súas fermosas paraxes naturais. Percorrerá algúns dos recunchos máis fermosos da zona, como o sendeiro do río Arenteiro, os seus bosques de ribeira, a Madalena ou o parque municipal. Tamén haberá oco para visitar algunhas das xoias turísticas da vila, como o templo da Veracruz, as pontes medievais de Veiga e Ponterriza ou a igrexa de santa Baia de Banda.