O programa instala o seu set na praza da Constitución de Bande, en Ourense, para sumarse á celebración XLVII Festa do Peixe. Pero tamén nos leva ata o mercado do Xurés e conversa con pescadores que procuran troitas no río Limia. No percorrido polo concello de Bande, coñecemos a fonte do Viveiro e o miradoiro do Alto do Lermes;  visitamos a igrexa máis antiga de toda a provincia de Ourense, a da Santa Comba de Bande, así coma a de San Pedro de Bande. O programa tamén percorre un treito da Vía Romana, onde se sitúan muíños tradicionais, e amosa o conxunto arqueolóxico Aquis Querquennis, onde está o Museo da Querquenia. Ademais, o “Aquí Galicia” preséntanos a vida e obra dun dos bandeses máis ilustres: o gaiteiro Faustino Santalices. A música vén da man de María do Ceo, da artista local Maite López, a Banda de Gaitas e o grupo de pandeireteiras de Bande e a orquestra Furia Joven.