Marín está inmersa estes días na celebración da súa 24 edición da Festa da Cigala, a cita gastronómica desta vila pontevedresa por excelencia. Para coñecer máis sobre Marín e a súa festa, “Aquí Galicia” visita os mellores espazos naturais do concello, como o lago Castiñeiras, o monte Gagán, o ecoparque, o conxunto de petroglifos de Mogor e algunhas das súas praias. Como localidade mariñeira, Marín é un dos enclaves que celebra con gran tradición o día do Carme. O programa amosa a súa participación na procesión marítima e como se viviu esta xornada festiva. Neste percorrido, vemos por dentro a Escola Naval Militar. No apartado musical, actúan a orquestra Solara, a cantante Mari Costas, o grupo de baile tradicional Os Chaneiros e os bailes e sons das Escolas Abertas.