Pontedeume celebra estes días as súas festas por excelencia, as das Peras, en honor da Virxe das Virtudes e de San Nicolás de Tolentino, patróns da vila. O programa “Aquí Galicia” non quere perder esta cita e por iso se traslada hoxe en directo a esta localidade coruñesa. Os espectadores coñecerán de preto os elementos máis destacados desta festa, entre os que están a cucaña e a queima do Galán, o concurso de froitas, a batalla naval ou a procesión de barcos cara á Xunqueira. Esta Festa das Peras está dedicada ás froitas, en que é moi pródiga a comarca do Eume. Por iso, o programa contará coa presenza de membros da Asociación Galega de Froitas Autóctonas, que traerán unha mostra da riqueza de Pontedeume neste senso. No apartado gastronómico non só serán protagonistas as froitas, xa que “Aquí Galicia” contará cunha degustación de costrada e de bisté da Marola, dous dos pratos máis típicos de Pontedeume. E, de sobremesa, a tradicional proia, un doce torrado e crocante.