Close

O sal da terra

“O Sal da Terra” é un programa de cociña, reportaxes e ficción que amosa toda a riqueza que o mar aporta na vida das persoas que teñen a fortuna de vivir xunto ao litoral. A través da comida, a decoración, a vida saudable e outros segredos que agochan as ribeiras e acantilados de Galicia, os personaxes descobren unha nova forma de gozar do mar. A parella protagonista, Carmela e Berto, nai e fillo, buscan nos fogóns e nas súas visitas a portos, praias, mercados e lonxas, a forza, a diversión e a inspiración que necesitan para seguir co seu día a día. O programa fomenta valores como a cultura da vida saudable, o respecto á natureza, o “faino ti mesmo” e a cooperación.

País: España
Idioma: Gallego
Contenido: Divulgación
Tema: Cocina
URL: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/programa/o-sal-da-terra

Episodios disponibles para ver online

Borxa ou Chema? - 02/05/2017 23:30
Berto volve alterar a vida de súa nai organizando unha partida de póker na casa. Carmela atoparase coa sorpresa no salón xa que, en lugar de pedirlle permiso de forma axeitada, o seu fillo aproveitou para dicirllo nun momento en que estaba case durmida.Mentres tanto, Manolo toma o mando dos fogóns e prepara unhas deliciosas ameixas con algas. A súa aventura culinaria non queda aí, e decide facer outra receita co peixe que atope na Praza de Abastos da Pobra. Aínda fará outra saída, á Casa das Camelias, para coñecer a enorme variedade de especies que alberga e recoller unhas flores para Carmela. Ela, pola súa parte, seguirá amosando a súa habilidade coas manualidades, deseñando un cacto decorativo con pedras e area.
Xente previsora - 25/04/2017 23:30
Berto métese nunha lea tras conseguir por fin un bo traballo como vendedor de seguros. As cousas tórcense cando, desoíndo as advertencias de Carmela, lle fai unha póliza a unha das familias máis conflitivas da vila. O mozo non deixa que o intenten estafar e eles ameázano con tomar represalias se non cobran. Mentres tanto, Carmela prepara un elegante cóctel de mexillóns con ananás e Manolo aprende a facer un prato de chocos no restaurante Don Paquito. Berto tampouco perde o tempo e pasa unha tarde no Museo Nós Nuco, en que se gardan máis de 100 obras do escultor Nuco Losada, e no peirao fenicio de Ribeira. 
Anda solto un ladrón - 18/04/2017 23:30
O pánico chega a vila xa que anda solto un ladrón e Carmela non dubida en chamar o seu fillo para que vixíe a casa. Por culpa de Manolo a televisión desaparece e a Berto non se lle ocorre que facer para solucionar este problema así que finxe un roubo cun amigo.Na cociña, Carmela non se complica e fai unha crema de patacas con zamburiñas. Pola súa banda, Berto está no Restaurante Viana do Prior para deleitar os presentes cunha receita que combina berberechos, ameixas, polbo e peixe sapo, e visita o Museo Valle Inclán, na Pobra. Ademais, o programa amosa un remedio para quitar as durezas dos pés e acompaña a Manolo nunha visita ao Hórreo de Araño, o máis grande de Galicia.
Lume no corpo - 11/04/2017 23:30
A relación entre Carmela e Manolo segue por un camiño incerto. Tras os tira e afrouxa da breve convivencia, decidiron quedar como amigos, pero aos dous cústalles controlar os seus impulsos. Berto, que quere volver á casa da súa nai, é o primeiro interesado en xuntalos de novo. A vida segue para todos, así que Carmela continúa coa súa afección pola cociña, sorprendendo os espectadores cunha deliciosa lagosta en salpicón. O seu fillo inclínase por aprender dos antigos oficios vinculados ao mar, e intenta facer unha nasa para ir ás nécoras. Ademais, as cámaras seguen os dous protagonistas nas súas visitas á Casa Museo Manuel Antonio, onde se mostran espazos e documentos que explican a vida e obra do autor das vangardas poéticas galegas, e a agrupación de música tradicional Nunca é Tarde.
Encerrada - 04/04/2017 23:30
Carmela sofre os perigos do mar, xa que mentres goza dun baño na praia, a subida da marea lévalle a roupa, a carteira e as chaves. Só cunha toalla, a muller ten que volver a casa e esperar pola volta do seu fillo para que lle abra a porta. Ao final do día e para esquecer o acontecido, amósalles aos espectadores como facer un tarro decorativo con area de varias cores e cunchas. Pola súa banda, Berto cociña un mosaico de froitos mariños e visita o dolmen de Axeitos, na parroquia de Oleiros; a calzada romana de Vitres, en Boiro, e por último, o Museo Etnográfico de Artes, no concello de Ribeira.
Unha parella ideal - 28/03/2017 23:30
A relación entre Berto e Manolo mellorou tanto que o fillo de Carmela fai de casamenteiro para que el e súa nai dean o paso de vivir xuntos. A idea non convence moito a Carmela, que prefire a vida independente e que segue a cultivar a súa afección á cociña. A variedade de mariscos que ten preto lévaa a preparar unha receita de zamburiñas con alioli de mel. Ademais, segue dando mostra das súa creatividade facendo unhas candeas con cunchas de vieiras. Mentres tanto, Berto interésase pola actividade nos parques de cultivo de ameixa de Carril, e tamén vai á lonxa de Ribeira e ao porto de Palmeira. 
Por fin soa - 21/03/2017 23:30
Esta noite, “O sal da terra” comeza cunha novidade nas vidas de Carmela e de Berto, que por fin toma a decisión de independizarse e buscar piso. A alegría duraralle pouco a Carmela, que ten que reconducir o seu fillo ao ver que, sen a súa tutela, vai polo mal camiño.Coma en cada episodio, a trama de ficción complétase con apuntes gastronómicos. Desta volta, Berto cociña unhas patacas mariñeiras con ameixas,  e leva os espectadores á cociña do restaurante Benboa, onde o cociñeiro lle revela algunha das súas receitas. Pola súa parte, Carmela visita as mariscadoras da Pobra e percorre algúns dos paraísos naturais da zona coma as dunas de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán.
Colegas - 14/03/2017 23:45
A relación entre Berto e Manolo mellora tras acudiren como convidados ás vodas douradas da curmá de Carmela. Berto, que foi sen moita gana, acaba pasándoo en grande e facéndose colega da parella da súa nai. Ademais, neste episodio, Berto demostra tamén que é o rei das festas e dos aperitivos frescos e sinxelos preparando unha copa de anchoas e melón. Pola súa parte, Carmela convida á casa ao cociñeiro Nacho Rodríguez, dono do restaurante Gastromanía, quen lle ensina a preparar unha deliciosa receita con produtos da ría. O programa complétase coa visita de Carmela ao Instituto Tecnolóxico do Mar e ao Parque Natural de Punta Carreirón.
Os dous Manolos - 07/03/2017 23:30
Nunha nova entrega do programa de cociña, reportaxes e ficción “O sal da terra”, a casa de Carmela e Berto sofre un corte de electricidade, o que non impide que Berto cociñe un pote mariñeiro de mexillóns. Isto sábelle a pouco, polo que decide viaxar ata Vilagarcía ao restaurante Casa Bóveda para rematar cunhas ameixas á mariñeira.   Carmela amósanos como facer camisetas pintadas. Ademais, nai e fillo, ávidos por saber máis sobre as conservas que tanto usan nas súas receitas, visitan o Centro de Interpretación de Conserva, na Illa de Arousa e a fábrica de Conservas de Cambados. 
O mellor amigo do home - 01/03/2017 00:30
Berto decide deixarlle a súa nai algo que conserva con moito cariño da súa época de triunfador: o seu coche de gama alta. Arrepentirase? Carmela, á súa vez, fuxindo do estrés, ensínanos a facer un colar cun nó mariñeiro e, logo, cociña un delicioso prato de linguado ao forno con lagostinos e queixo do Cebreiro. O seu fillo aproveita este último ingrediente para preparar unha crema de queixo con salmón e gambas. Coa comida xa feita, Berto sae á praza de Abastos de Vilagarcía e visita o castro de Neixón e o Centro Arqueolóxico da Barbanza. Carmela atópase coa súa amiga Nera e outras compañeiras da Asociación de Redeiras Maruxía, que, gustosas, lle aprenden o seu oficio.
Esa cousa chamada amor - 21/02/2017 23:30
Carmela decide preparar unha cea na casa para comprobar se a súa nova nora é quen de levarse co seu fillo ou non. Cociña ensalada de lombos de xurelo fritos con pementos e queixo de tetilla. Pola súa banda, Berto non é menos e elaborará un escabeche de cogomelos e mexillóns, mentres que José Manuel lle ensina á muller a facer o prato estrela do restaurante Casa Isolina. Pero non todo é gastronomía. Carmela amósanos tamén que hai que facer para ter unha cute perfecta cunha exfoliación con area e Berto visita a fervenza de Cadarnoxo e coñece o mar con Miguel, o patrón maior da confraría de pescadores. 
O vil metal - 14/02/2017 23:30
Neste episodio, Carmela decide preparar unha cea na casa para comprobar se a súa nova nora é quen de levarse co seu fillo ou non o é. A nai de Berto cociña ensalada de lombos de xurelo fritos con pementos e queixo de tetilla. Pola súa banda, el non é menos e elabora un escabeche de cogomelos e mexillóns. Ademais, José Manuel ensínalle á muller a facer o prato estrela do restaurante Casa Isolina. Non todo será gastronomía no programa. Carmela amosa como ter un cute perfecto cunha exfoliación con area e Berto visita a fervenza de Cadarnoxo e coñece o mar con Miguel, o patrón maior da confraría de pescadores.       
Carmela e Berto. A casa da praia - 07/02/2017 23:30
“O Sal da Terra” é un programa de cociña, reportaxes e ficción que amosa toda a riqueza que o mar aporta na vida das persoas que teñen a fortuna de vivir xunto ao litoral. A través da comida, a decoración, a vida saudable e outros segredos que agochan as ribeiras e acantilados de Galicia, os personaxes descobren unha nova forma de gozar do mar. A parella protagonista, Carmela e Berto, nai e fillo, buscan nos fogóns e nas súas visitas a portos, praias, mercados e lonxas, a forza, a diversión e a inspiración que necesitan para seguir co seu día a día. O programa fomenta valores como a cultura da vida saudable, o respecto á natureza, o “faino ti mesmo” e a cooperación. Neste primeiro programa Carmela cociña unha sopa de peixe e marisco para o seu fillo, ademais ensina a facer un remedio natural coa auga do mar. Berto, pola súa banda, elabora unha receita a base de conserva: ourizos con mazá. Ademais visitan o mercado de Rianxo e o Museo do Mar.

Otros programas de divulgación >


Otros programas de TVG (Galicia) >