“ZigZag Diario” achega da man de Raúl Bermúdez o segundo volume de “Ilustradots”. Tras o éxito hai dous anos da primeira recompilación de 50 ilustradores actuais, o coordinador deste proxecto conta en que consiste este novo libro, publicado tamén grazas ás colaboracións conseguidas por medio dunha campaña de ‘crowdfunding’. Na Coruña, o Kiosko Alfonso acolle ata o 11 de xuño unha selección das mellores obras dos dez últimos anos do pintor realista Jano Muñoz. Máis de cincuenta creacións con animais, bodegóns, retratos ou paisaxes. O programa tamén informa da nova edición de “Cantigas do Alén”, que recolle por primeira vez o ciclo lírico completo en galego de José Ángel Valente, desde o seu primeiro poema, “Finisterre”, datado en Ourense en 1947, ata o que lle dedicou aos emigrantes na súa época en Xenebra.