Despois de varios meses cunha borrasca detrás doutra, Galicia está metida de cheo na primavera e por fin comezaron a subir os termómetros e a saír o sol. Se o ano pasado deixou a preocupación da seca, este comezou pasado por auga. Así que o programa “Vivir Aquí” quere comprobar se esa chuvia case constante aliviou a escaseza de meses pasados.  Os reporteiros e reporteiras da TVG visitan o concello de Galicia onde máis chove e os lugares onde convidados inesperados, como Félix ou Gisele, se presentaron con vento, ondas e escuma ata o pé das casas.  Ademais, “Vivir Aquí” fala co director de Aemet en Galicia, vai a lugares onde gandeiros e veciños viviron con preocupación a seca e comproba como o agro se adapta a estes cambios tan repentinos.