En plena temporada de pesca, “Vivir Aquí” colle a cana para falar dun peixe nada corrente. Loitadora, voraz, escasa e moi desexada... Din da troita que sempre escolle paisaxes bonitas para vivir; así que, na súa procura, o programa visita fermosos ríos troiteiros, como o Xallas, o Furelos e o Arenteiro, lugares onde estes días se vive unha auténtica paixón. A mesma que poñen na Pontenova para convertela en protagonista absoluta da súa festa e nas cociñas onde conservan receitas sinxelas para incondicionais do seu sabor.  Deste xeito, os reporteiros e reporteiras acompañan un grupo de pescadores na súa xornada de traballo, participan nun campionato de pesca, coñecen un proxecto de repoboación de troitas, asisten á Festa da Troita da Pontenova e entran nas cociñas de varios restaurantes que teñen este peixe como especialidade.