"Vivir aquí" propón un regreso á tradición e ás orixes cunha viaxe á vida actual no rural e nas aldeas. Un ámbito en que se está a vivir un proceso de recuperación patrimonial e tamén de oficios e costumes e onde predomina o sentimento de orgullo por pertencer a estas pequenas comunidades.  Os reporteiros desprázanse a Beade, onde aínda perviven algúns oficios antigos. En Xermade, coñecen o traballo de recuperación dun grupo de casas dedicadas agora a outros mesteres, como exposicións de artesanía ou cursos de torneado.  Ademais, asisten en Palas de Rei á escenificación dun proceso histórico, de como se vivía antes na aldea. E, en Entrimo, axudan un grupo de xubilados a plantar uns cultivos pouco habituais por estas terras, uns froitos exóticos procedentes doutros continentes.