De pedra, de madeira, de vimbios, redondos, alongados... Cada zona ten os seus e “Vivir Aquí” sae de viaxe para coñecer Galicia a través dos seus hórreos, máis de 30.000. Partindo da obra “Atlas de Hórreos de Galicia”, de Carlos Regueira, o programa propón distintas rutas guiadas por un dos elementos máis destacados da nosa arquitectura popular, unha construción de uso agrícola destinada a secar, curar e gardar o millo e outros cereais antes de moelos. Así, coñecemos os hórreos típicos da Costa da Morte, da Terra Chá, da Mariña luguesa, dos Ancares, das Rías Baixas e as eiras de hórreos ourensáns.