O próximo 22 de novembro é a súa patroa. Moitos viven a música con devoción, así que “Vivir Aquí” dedícalle esta semana o programa aos discípulos de santa Icía, a aqueles que senten que a música enche as súas vidas, aínda que non vivan dela. Aos que cantan e tocan en grupo, nun dúo ou cos amigos. A aqueles que son auténticos referentes da música tradicional ou fieis seguidores do rock & roll.   Como comprobarán esta tarde os reporteiros de “Vivir Aquí”, para todos eles a música é moito máis ca unha afección. Róuballes tempo do seu traballo, pero enche de harmonía as súas vidas. Os exemplos que ofrecerá o programa da TVG son os do dúo Meritxell, unha parella que actúa en todo tipo de escenarios; Os Rosales, unha familia de gaiteiros que son todo un referente da música tradicional; Andrés, o “Pasiñas”, un acordeonista membro da agrupación musical Tíralle do Aire; o grupo ourensán Son do Sil e o grupo de rock de Vilagarcía 7 Setenta.