Ademais dos disfraces ou das filloas, os grelos tamén se poden considerar imprescindibles no Entroido galego, tanto no tradicional cocido coma no lacón con grelos. Pero esta verdura é fundamental na gastronomía galega durante todo o ano, ben sexa nos pratos máis tradicionais ou en innovacións culinarias. “Vivir Aquí” visita as zonas con maior sona e tradición no seu cultivo. No concello lucense de Abadín, o cultivo de grelos é case unha arte. En Ordes vemos as greleiras na estrada e coñecemos o seu proceso de recollida para enviar a unha conserveira. No Val de Xestoso, en Monfero, aprendemos a mellor forma de cociñar o lacón con grelos. “Vivir Aquí” afonda, ademais, nas novas receitas que se están a desenvolver na cociña de vangarda con esta verdura, coa que tamén se pode fabricar cervexa.