“Vivir Aquí” inaugura o mes de xuño facendo unha conta atrás para un dos ingredientes principais do verán galego, as festas. Ás portas do estío, hai xa emoción, nervios, moito traballo previo e ansia porque chegue xa o que en moitos lugares é o día grande do ano. Hai celebracións para todos os gustos: na praia, no monte, no mar..., pero en todas elas se xuntan milleiros de persoas para vivir un xornada cargada de tradición. O programa visita algunhas localidades onde xa están contando os días para a celebración das súas festas. Os equipos do programa falan cos que se encargan de que todo estea a punto para algunhas das grandes citas do verán. Coñecemos como van os preparativos para a Rapa das bestas de Sabucedo, a virxe do Carme en Camariñas, o San Xoán da Coruña, a romaría da Franqueira ou mesmo a Festa do Polbo de Mugardos.