Héctor e Lupe organizan unha xornada de portas abertas no Medusa para que os veciños de Dorneda poidan coñecer mellor o seu traballo, pero a cousa non podía rematar da peor forma. Durante a viaxe de Charo e Lucita, perden o control do Medusa e chocan contra o Arredemo, inutilizando os dous barcos. Roxelio trata de atopar unha solución para que o Medusa siga navegando e suxírelle a Héctor atopar un mecenas que se faga cargo do amaño do barco de investigación. Por sorte, atopan o candidato perfecto: un emigrante retornado podre de cartos. Despois de concertar unha cita, o que Roxelio e Héctor non sospeitan é que alguén se lles pode adiantar.  Pola súa parte, canso das mentiras de Patri, Alfredo ten a proba irrefutable de que a súa muller ten un amante. Será quen de preguntarlle a Patri pola existencia doutro home ou preferirá gardar a información?